As Parábolas de Pakolas

“As Parábolas de Pakolas” chega da man de Paco Cerdeira como espectáculo de pequeno formato no que este, “Pakolas”, interpreta en directo unha escolla dos seus temas propios para público infantil, con música xirando en torno ao rock e outros estilos que entusiasman aos cativos e cativas, e con letras sempre axeitadas para os mais pequenos. O eixo fundamental radica na combinación das cancións coa narración dalgunhas historias e contos que nelas se recollen, cunha mensaxe final, e que forma así no conxunto, unha fermosa “parábola” musical da que aprender e na que pensar.

Presenta así, nesta actividade, un espectáculo musical con contacontos de formato individual, tocando a súa guitarra e interpretando cancións da súa autoría (de “A Gramola Gominola”, e do seu proxecto mais persoal “Pakolas”, editado por parte da Ed. Galaxia-Sonárbore en Novembro de 2017, co apoio do Colexio de Logopedas de Coruña); formando parte estas das propostas musicais en galego para público infantil. Ademais, durante o espéctaculo amosarase ao publico moitos dos libros que serven de inspiracion para a composición das cancions por parte do autor, ademais dos librodiscos, xa que esta proposta xorde en torno ás actividades de ánimación a lectura.

IMG_2511
Pakolas (Paco Cerdeira) na Biblioteca Ánxel Casal en Santiago de Compostela. Nov-2017

A escolla dos temas incluirá, entre outros, o seu afamado “Campión Internacional”, do que conta cun videoclip actualmente, e no que se fala da importancia do xogo entre os amigos, e sobre todo do xogo tradicional de Galicia (billarda, pión, etc). A canción dunha personaxe como é o “Monstro” Antón, que fai cancións de rock pola noite e non para de cantar as súas rimas. Historias fantásticas con outras personaxes, como as animais, que sempre esperta nos cativos unha gran curiosidade, un recurso que lle gusta moito pola súa dimensión animada. Animais que van dende un pato, os ratiños, a quenlla, o furafollas, a curuxa, ou un mero, etc. Moitos destes animais son os protagonistas das cancións, pero tamén se artella un conto, unha historia fantástica arredor deles, “A Quenlla Madrugadora”, “Baldomero o Mero”, “O Furafollas”, etc. Animais menos comúns o que axuda ademais a aprender léxico e vocabulario en galego

Pakolas combinará a narración, a interpretación e caracterización de moitas personaxes, e a música; e tamén animará aos nenos e nenas e a todo o público a participar coas mans, cos ritmos do corpo e coa voz (retrousos, sons, etc). Así, podemos compartir entre todos e todas a música e as historias cantadas e contadas. En definitiva, un xeito divertido de aprender e de gozar.

mc-pac.jpg
Mc Pac. Pakolas. Ilustración: Laura Romero

Ficha Artística

  • Dirección: Paco Cerdeira
  • Música e son: Paco Cerdeira (Pakolas)

Ficha Técnica

  • Espectáculo: Musical e narración
  • Duración: 50 min (aprox)
  • Idioma: Galego
  • Público: Infantil e familiar.
  • Escenario (*):  (recomendable tarima) Ancho: 3,0 m; Fondo: 2,0 m; Alto: 2,5 m.
  • Montaxe: 2 horas.
  • Desmontaxe: 1 hora.
  • Equipo de son: (a toma de corriente deberá ser de 220 voltios con toma a terra).Equipo propio, para un aforo máximo de 500 persoas en auditorio pechado e 300 en espazo aberto. No caso de maior aforo precisarase aproximadamente 4Watios RMS/persona.
(*) Adaptable a diferentes espazos de celebración, consultar.

WordPress.com.

Subir ↑