“Cores, Contos e Rock´n´Roll con Ramona Órbita” (**) chega da man de Pakolas como un espectáculo de pequeno formato onde a interacción coas nenas e nenos, a súa música acompañada por contos e historias, e as cores e debuxos en directo de Laura Romero son o principal atractivo para o público. Esta proposta multidisciplinar crea así unha escena na que non so se pode gozar da música, senón tamén do debuxo e as cores que a rodean. Un espectáculo para todos os sentidos.

Paco Cerdeira (Pakolas) guiaranos coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz e guitarra, e contando nesta ocasión co apoio de Laura Romero (ilustradora), dando unha nova dimensión visual coa creación en directo de debuxos con cores que acompañan ás cancións e contos que nelas se recollen, e axudando así a Pakolas na presentación das súas historias e personaxes.

Laura Romero é a encargada de darlle vida a todas as súas personaxes, que atoparedes nos seus libros, a través das imaxes e debuxos cheos de colorido.

Pakolas e Laura preséntanos o seu último librodisco, “A Ramona pequena vai á Lúa”, editado en Sonárbore, na Editorial Galaxia (Abril-2023)
Contaremos, cantaremos e debuxaremos a historia da Ramona pequena. A máquina do tempo leva a Ramona á súa infancia. Vivimos así unha nova aventura didáctica e rockeira rebordante de imaxinación e aprendizaxe. Corría o ano 1967 no Courel e Ramona contaba con 6 aniños. Era unha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa. Adoraba perderse entre as páxinas de Xulio Verne, «A volta ao mundo en 80 días», «20 mil leguas de viaxe submarino», «Viaxe ao centro da terra» e sobre todo un que lle espertaba a mais grande das curiosidades, «Da terra á lúa», que lía unha e outra e outra vez. A Lúa era para ela unha fonte imparable de preguntas sen resposta: que tipo de leiras habería nela? Poderíase cultivar na súa superficie? Habería auga? Viviría alguén aí? Saberían, ou polo menos entenderían o galego? Sería mais grande que o Sol?
Moitas personaxes poderedes coñecer neste novo espectáculo, como a profe Lupe, que sempre escoitaba atenta as dúbidas da pequena, ou á súa amiga furona Nora, coa que consigue viaxar ata a Lúa! Con estas e outras personaxes chegaremos á fin desta viaxe, que nos ensina que a imaxinación non ten límites, a nosa cabeza é un taller de ideas onde os soños poden tornarse realidade.
Ficha Artística
- Dirección: Paco Cerdeira
- Música e son: Paco Cerdeira (Pakolas) (***)
- Ilustración: Laura Romero (****)
Ficha Técnica
- Espectáculo: Musical e ilustración
- Duración: 50 min
- Idioma: Galego
- Público: Infantil e familiar.
- Escenario (*): (recomendable tarima) Ancho: 5,0 m; Fondo: 3,0 m; Alto: 2,5 m.
- Montaxe: 2 Horas.
- Desmontaxe: 1 hora.
- Equipo de son: (a toma de corriente deberá ser de 220 voltios con toma a terra).Equipo propio, para un aforo máximo de 400 persoas en auditorio pechado e 250 en espazo aberto. No caso de maior aforo precisarase aproximadamente 4Watios RMS/persona. Posibilidade de proxección se se dispón de pantalla no espazo escénico.
(*) Adaptable a diferentes espazos de celebración, consultar.
(***) Dende o punto de vista técnico da música, Paco Cerdeira interpreta en vivo e directo a través da súa voz e guitarra, e completa o conxunto do espectáculo cunhas bases gravadas de baixo e batería fundamentalmente, que conforman a composición musical.
(****) Dende o punto de vista técnico Laura empregará un cabalete, pinceis (negro con combinación de cores) e papeis de gran formato para ilustrar imaxes acordes á música, en concordancia con cada unha das cancións do espectáculo.
Descarga o dosier profesional de «Cores, contos e rock and roll coa Ramona pequena»
Descarga o cartel de «Cores, contos e rock and roll coa Ramona pequena»