A Ramona pequena vai á Lúa

Pakolas guiaranos coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz e tocando a guitarra, neste espectáculo individual creado polo propio autor, onde a interacción coas nenas e nenos en que os fai partícipes, a animación, as súas caracterizacións e a súa música son o principal atractivo para o público.

PIX_2649

En “A Ramona pequena vai á Lúa” Pakolas preséntanos o seu último libroQR, editado en Sonárbore, na Editorial Galaxia (Abril-2023). Con este novo traballo seguen as historias da Ramona Órbita, sendo unha parte II do seu anterior disco “Ramona Órbita, a dona do tempo”.

Contaremos e cantaremos a historia da Ramona pequena. A máquina do tempo leva a Ramona á súa infancia. Vivimos así unha nova aventura didáctica e rockeira rebordante de imaxinación e aprendizaxe. Corría o ano 1967 no Courel e Ramona contaba con 6 aniños. Era unha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa. Adoraba perderse entre as páxinas de Xulio Verne, «A volta ao mundo en 80 días», «20 mil leguas de viaxe submarino», «Viaxe ao centro da terra» e sobre todo un que lle espertaba a mais grande das curiosidades, «Da terra á lúa», que lía unha e outra e outra vez. A Lúa era para ela unha fonte imparable de preguntas sen resposta: que tipo de leiras habería nela? Poderíase cultivar na súa superficie? Habería auga? Viviría alguén aí? Saberían, ou polo menos entenderían o galego? Sería mais grande que o Sol?

Moitas personaxes poderedes coñecer neste novo espectáculo, como a profe Lupe, que sempre escoitaba atenta as dúbidas da pequena, ou á súa amiga furona Nora, coa que consigue viaxar ata a Lúa! Con estas e outras personaxes chegaremos á fin desta viaxe, que nos ensina que a imaxinación non ten límites, a nosa cabeza é un taller de ideas onde os soños poden tornarse realidade

PIX_2436

Pakolas combinará a narración, a interpretación e caracterización de moitas personaxes, e a música; e tamén animará aos nenos e nenas e a todo o público a participar coas mans, cos ritmos do corpo e coa voz (retrousos, sons, etc). Así, podemos compartir entre todos e todas a música e as historias cantadas e contadas. En definitiva, un xeito divertido de aprender e de gozar.

En definitiva un espectáculo para compartir cos mais peques e coa familia. Pakolas incluirá nesta montaxe algún dos seus éxitos anteriores, dos mais aclamados polo público.


Ficha Artística

  • Dirección: Paco Cerdeira
  • Música e son: Paco Cerdeira (Pakolas)(**)

Ficha Técnica

  • Espectáculo: Musical e narración
  • Duración: 50 min (aprox)
  • Idioma: Galego
  • Público: Infantil e familiar.
  • Escenario (*): Ancho: 3,0 m; Fondo: 2,0 m; Alto: 2,5 m.
  • Montaxe: 2 horas.
  • Desmontaxe: 1 hora.
  • Equipo de son: (a toma de corriente deberá ser de 220 voltios con toma a terra). Equipo propio, para un aforo máximo de 400 persoas en auditorio pechado e 250 en espazo aberto. No caso de maior aforo precisarase aproximadamente 4Watios RMS/persona
(*) Adaptable a diferentes espazos de celebración, consultar.
(**) Dende o punto de vista técnico da música, Paco Cerdeira interpreta en vivo e directo a través da súa voz e guitarra, e completa o conxunto do espectáculo cunhas bases gravadas de baixo e batería fundamentalmente, que conforman a composición musical.

Descarga o dosier profesional «A Ramona pequena vai á Lúa» con Pakolas

Descarga o cartel de «A Ramona pequena vai á Lúa» con Pakolas

Web construida con WordPress.com.

Subir ↑