“Pakolas”, rockeiro e guitarreiro, é o nome co que Paco Cerdeira se presenta ante o público infantil, eido no que o músico conta con longa traxectoria. Neste concerto, Pakolas guiaranos coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz e a guitarra, nun espectáculo individual creado polo propio autor, onde a interacción e participación coas nenas e nenos, a animación, as súas caracterizacións e a súa música son o principal atractivo para o público.
En “A Ramona pequena vai á Lúa” Pakolas preséntanos o seu último libroQR, editado en Sonárbore, na Editorial Galaxia (Abril-2023). Con este novo traballo seguen as historias da Ramona Órbita, sendo unha parte II do seu anterior disco “Ramona Órbita, a dona do tempo”.
Contaremos e cantaremos a historia da Ramona pequena. A máquina do tempo leva a Ramona á súa infancia. Vivimos así unha nova aventura didáctica e rockeira rebordante de imaxinación e aprendizaxe. Corría o ano 1967 no Courel e Ramona contaba con 6 aniños. Era unha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa. Adoraba perderse entre as páxinas de Xulio Verne, «A volta ao mundo en 80 días», «20 mil leguas de viaxe submarino», «Viaxe ao centro da terra» e sobre todo un que lle espertaba a mais grande das curiosidades, «Da terra á lúa», que lía unha e outra e outra vez. A Lúa era para ela unha fonte imparable de preguntas sen resposta: que tipo de leiras habería nela? Poderíase cultivar na súa superficie? Habería auga? Viviría alguén aí? Saberían, ou polo menos entenderían o galego? Sería mais grande que o Sol?

Moitas personaxes poderedes coñecer neste novo espectáculo, como a profe Lupe, que sempre escoitaba atenta as dúbidas da pequena, ou á súa amiga furona Nora, coa que consigue viaxar ata a Lúa! Con estas e outras personaxes chegaremos á fin desta viaxe, que nos ensina que a imaxinación non ten límites, a nosa cabeza é un taller de ideas onde os soños poden tornarse realidade

Moitas personaxes poderedes atopar nos seus librodiscos, con historias das que APRENDER e GOZAR a ritmo moi rockeiro.
En definitiva un espectáculo para compartir cos mais peques e coa familia. Pakolas incluirá nesta montaxe algún dos seus éxitos anteriores, dos mais aclamados polo público.
Ficha Artística
- Dirección: Paco Cerdeira
- Música e son: Paco Cerdeira (Pakolas)(**)
Ficha Técnica
- Espectáculo: Musical e narración
- Duración: 60 min (aprox)
- Idioma: Galego
- Escenografía: Laura Romero
- Público: Infantil e familiar.
- Escenario (*): Ancho: 4,0 m; Fondo: 3,0 m; Alto: 3,0 m.
- Montaxe: 2,5 horas.
- Desmontaxe: 1,5 horas.
- Equipo de son: (a toma de corriente deberá ser de 220 voltios con toma a terra). Equipo propio, para un aforo máximo de 400 persoas en auditorio pechado e 250 en espazo aberto. No caso de maior aforo precisarase aproximadamente 4Watios RMS/persona.
(*) Adaptable a diferentes espazos de celebración, consultar.
(**) Dende o punto de vista técnico da música, Paco Cerdeira interpreta en vivo e directo a través da súa voz e guitarra, e completa o conxunto do espectáculo cunhas bases gravadas de baixo e batería fundamentalmente, que conforman a composición musical.
Descarga o dosier profesional de «Rockeando coa Ramona pequena»