Traxectoria

Paco Cerdeira (Músico, Compositor e Produtor) leva adicándose ao público infantil dende xa fai mais de 20 anos, comezando os seus pasos como membro de Mamá Cabra (grupo de música didáctica infantil en galego), do que participou nos seus traballos durante mais de 10 anos continuadamente, sendo eixo principal dos espectáculos desenvolvidos en coles, teatros, auditorios, librerías, bibliotecas, feiras do libro.

No ano 2014 decide formar a súa propia banda de música infantil, dada a súa longa traxectoria neste eido profesional, e nace así A Gramola Gominola, editando así o seu primeiro traballo en Libro-Cd como o Autor en Marzo de 2015, por parte da Editorial Galaxia. Crea cancións para un proxecto musical totalmente diferente ao visto ata ese momento, tendo como eixe central o Rock and Roll, explorando e mostrando moitos estilos da música contemporánea ligados ao rock, e sendo unha proposta didáctica para os máis cativos da casa. Este traballo fai un repaso polas orixes e evolución da música, que serve de fío condutor para falar de valores tan esenciais como a amizade, a familia, etc. No 2017 edítase o segundo traballo da banda (homónimo) «Cancións para Desafinar», de novo con ED Galaxia, no que nos convidan a todas e todos a rockear,  e no ano 2019 publica o seu terceiro traballo, «Bravas. O rexurdir da Luz» cun espectáculo que xa está a percorrer Galicia con gran acollida entre o público. Os recoñecementos públicos de A Gramola Gominola logo chegan, estando nomeados aos Premios Galegos da Música Martín Códax na categoría Música Infantil, nos anos 2016 e 2017, e acadando o premio no ano 2018

IMG_0027 - copia
Coa Gramola Gominola, no espectáculo Bravas

No ano 2015 comeza a traballar no seu proxecto persoal en solitario, Pakolas, e nace así unha nova proposta para espectáculo individual. Segue traballando así con letras e composicións propias e adentrando no mundo dos contos. O seu primeiro libro-cd en solitario, do mesmo título que o seu nome, «Pakolas» é editado pola Ed Galaxia (Sonárbore) en Novembro de 2017, co respaldo do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia (CPLGA).

_IX_0972

En agosto de 2020 sae editado o seu segundo traballo en solitario, Ramona Órbita, a dona do tempo (Ed. Galaxia). Axiña agota a súa primeira edición, tan só cinco meses despois da súa estrea. En Xaneiro de 2021 sae do prelo a segunda edición ata a cuarta edición en setembro de 2022, con mais de 2.000 exemplares vendidos. Neste novo libro conta e canta a ritmo moi rockeiro a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas , e ademais ten unha máquina do tempo, coa que viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas.

Así levaranos de viaxe pola Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, pola China Imperial, ou mesmo ao futuro, con moitas aventuras, personaxes e peripecias que gustarán por igual á xente miúda e a maiores. Esta é a historia que nos presenta Paco Cerdeira, cunha personaxe inspirada na súa bisavoa Ramona.

_IX_0747

En Abril de 2023 sae editado o seu terceiro traballo en solitario, “A Ramona Pequena vai á lúa” (Ed. Galaxia), unha nova entrega das historias da súa labrega inventora favorita, e desta volta a máquina do tempo lévanos á súa infancia. Corría o ano 1967 no Courel e Ramona contaba con 6 aniños. Era unha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa. Adoraba perderse entre as páxinas de Xulio Verne, sobre todo un que lle espertaba a mais grande das curiosidades, «Da terra á lúa». A Lúa era para ela unha fonte imparable de preguntas sen resposta: que tipo de leiras habería nela? Poderíase cultivar na súa superficie? Habería auga? Viviría alguén aí? Saberían, ou polo menos entenderían o galego? Sería mais grande que o Sol?

PIX_2173

En Decembro de 2024 sae ao público o cuarto traballo de Pakolas, Ecoralia, a lambona ecolóxica (promovido pola CRAEGA, Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia), traballo musical que nos ensinará a través das súas cancións a importancia de consumir alimentos ecolóxicos, para coidar o medio ambiente tanto na terra coma no mar, combater o cambio climático e garantir o benestar animal.

Nas entrañas da carballeira máis extensa de toda Galicia, onde a vexetación é máis mesta e verde, vivía Ecoralia. Sempre vestía da cor do musgo e levaba unha trenza longa e roxa recollida cun estalote. Ecoralia era unha meiga moi nova e boa coñecedora de conxuros ancestrais aprendidos das súas avoas. Pero ela non era coma as demais. Ademais de Ecoralia, moitas personaxes poderedes coñecer neste novo traballo musical, como o seu compañeiro Mistín, o lucecú, Ramón o teixugo, tamén as tías Rosa e Mónica, dúas irmás xemelgas que coidaban das súas hortas coma ninguén. E por último Don Arsenio, que recollía unhas enormes mazás todo o ano! Como podía ser?

Nos espectáculos, Pakolas como músico e narrador en formato solitario comeza a súa andaina a finais de 2016, percorrendo principalmente bibliotecas e centros de lectura nas actividades de animación á lectura de Ler Conta Moito (Xunta de Galicia), e tamén para colexios e ANPAS (funcións didácticas), feiras do libro, e outros espazos como teatros, auditorios, centros sociais xa mais na parte musical, cunha formidable acollida, con máis de 150 funcións ao ano (Ler Conta Moito das Bibliotecas de Galicia, Cultura no Camiño de Agadic, Rede Cultural da Deputación da Coruña, Culturea de Deputación de Pontevedra, Servizos de Normalización Lingüística, coles e bibliotecas escolares, asociacións culturais, etc)

Os recoñecementos públicos de Pakolas logo chegan, estando nomeado ao Premio Galego da Música Martín Códax na categoría Música Infantil, no ano 2018, 2023 e 2024. O seu primeiro librodisco Pakolas esgota a súa primeira edición en menos de nove meses, o segundo librodisco de Ramona Órbita xa vendeu máis de 2.000 exemplares, reeditando en LibroQr no setembro de 2022, e a terceira entrega dos seus traballos chega ao mercado en Abril de 2023, ano no que tamén resulta gañador do XIV Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña.

Web construida con WordPress.com.

Subir ↑